Bo día.Antes de nada debemos sinalar aos lectores que nos imos dirixir a vostede como “Señora C.” para preservar a súa identidade ao tempo que lle agradecemos a súa amabilidade por concedernos esta entrevista á AVC.
P.- Díganos “Señora C.”, onde traballa vostede?
R.- Traballo na Deputación, son funcionaria.
P.- Como chegou ao cargo que ocupa?
R.- Confésolle que me gustaría dicir que foi por méritos pero non foi así. Sabía que por méritos aquí non entra ninguén, que cumpría algo máis, así que…
P.- A que se refire con que “cumpría algo máis” Señora C.?
R.- Refírome ao esencial. Ao final, estudar, ter experiencia ou posuir coñecementos é o de menos, todo iso é facilmente manipulable e grazas a Lei de Protección de Datos, ninguén o pode comprobar. Si queres un 10 no exame tes un 10 e se che cumpren 20 anos de experiencia para superar a un rival tes 20 anos de experiencia laboral, aínda que cumpras os 18 anos de idade para o mes que ben. O que cumpre é que os que mandan che queiran ben e para iso hai que facerse querer.
P.- Agora vai ter que explicarme que é iso de facerse querer?
R.- Sabe perfectamente a que me refiro, pero seguro que non é esta a resposta que quere oír. Deixarse querer é darlle ao gobernante, neste caso a quen goberna a Deputación, o que lle pida. Si lle pide cartos, cartos, si di que favores, favores –no peor sentido da palabra, que esta verba tan fermosa tamén o ten-,… hai que ser “un ninguén”, demostrarlle que non es ninguén e que, aínda que agoches algunha dignidade, vexa que non a tes. Hai que amosar a ambición xusta para querer ese posto de traballo, que estás disposto ao que sexa por el, pero nada máis. Si te pasas de ambicioso, esquéceo, o posto non é teu.
P.- Pódese saber que fixo vostede para rematar na Deputación?
R.- Todo non... A unha aínda lle queda algo de dignidade. Verá, o meu marido é Concelleiro do partido que goberna a Deputación nun concello que non podo dicir. El fai moitos negocios con outras empresas doutros cargos do mesmo partido –e doutros tamén, que unha cousa é a política e outra os negocios-, sempre fora do noso Concello, para evitar incompatibilidades. Sobra dicir que falamos do sector da construción,… cal outro ía ser. O certo é que en cada obra todas as empresas sacan o seu e cambio diso algo hai que dar. Que máis dá darllo a "eles" que a facenda? A facenda non che garante carga de traballo, "eles" si.
P.- Vou ter que preguntarlle quen son "eles"?
R.- Fai ben en facelo.
P.- Pero non me vai contestar…
R.- Responder a iso sería como dicir o meu nome e apelidos, o DNI, a CCC... todo! Sabe que non debo, xa non só por min, hai moita xente dentro do xogo.
P.- Cantos?
R.- (Risas) Todos. Pense na xente que traballa na Deputación, nos concellos, na Xunta, asociacións -só as amigas- e, por suposto, nas empresas que pertencen ao “círculo do poder”. Poucos traballadores se escapan do control do partido,… algún pode entrar traballar nalgunha destas entidades de rebote, alguén pode entrar nunha multinacional, crear a súa propia empresa, pero…
P.- Pero?
R.- Ao final para sobrevivir a moitas non lles queda máis remedio que recorrer ao “círculo do poder”… e antes de que me pregunte quen son estes, respóndolle. Son o conxunto de empresarios e cargos políticos do noso partido, cuxa interrelación crea a práctica totalidade da actividade económica desta provincia, xa que esta xira entorno aos servizos públicos. Dentro do “círculo do poder” non atopará empresas produtivas e industriais, agás algún sector que estea ben subvencionado, soamente empresas de servizos: limpeza, obras públicas, transporte, etc.
P.- E que gama esta provincia con todo isto, que futuro nos agarda?
R.- Gaña un goberno estable, que non é pouco. A outra alternativa xa ves para que dá… (asinto) Quen queira traballo sempre terá traballo, ben “pasando polo aro”, ben emigrando. Aquí non hai para todos e si eu non fixese o que fixen faríao outro. Iríanos mellor? (disinto). O que faga unha persoa a título individual non cambia nada... e colectivo non existe máis que un, este “círculo”. Querelo deter é de tolos e a vida é moi breve para adicala a loitas estériles.
P.- Considérase unha vítima do caciquismo?
R.- Si, porque, como lle dixen ao principio, gustaríame ter acadado todos os meus logros persoais doutro xeito, pero esta sociedade cruel empurroume a seguir outros vieiros. Con isto non digo que me arrepinta... xa coñece o chiste.
P.- Xa o coñezo, xa. Rematamos aquí esta entrevista agradecéndolle unha vez máis a súa xentileza.
R.- Grazas a vós!
0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada